O PSdeG denuncia que Feijoo usa os fondos públicos para beneficiar a concellos do PP

A portavoz de Ordenación Territorial e Urbanismo Mar Barcon, interveu hoxe no Pleno da Cámara Autonómica para defender unha Proposición sobre o desenvolvemento do Plan Hurbe, destinado a humanización, urbanización e equipamento de espazos públicos nos concellos galegos, cunha dotación orzamentaria de 96 millóns de euros, en 53 actuacións e mais de 40 concellos.
Barcon aludiu na súa intervención as palabras do Presidente Feijoo cando se presentou este proxecto. “O Plan Hurbe será un programa de calidade de vida que procurará vilas accesibles e habitables para que os cidadáns vivan o seu Concello”. A deputada replicoulle que este proxecto non é a solución para atallar a crise nos Concellos galegos.
A portavoz socialista pregúntalle ao Goberno de Feijoo que criterios ían seguirse para o reparto de fondos entre os Concellos?. Ningún coñecido. Ou que concellos eran eses “máis de 40” que se verían beneficiados polo Plan?. Tampouco se sabe. En qué criterios se sustenta o reparto dos 96 M€ segundo a liña de actuacións (equipamentos, urbanización, humanizacións..)?, polo de agora a deputada socialista denuncia que estes datos son descoñecidos. Tampouco se sabe cómo poden acceder os Concellos a estes fondos?.
Mar Barcon asegura que o Plan Hurbe é un paso máis nunha liña que o Goberno de Feijoo mantén dende a súa chegada; unha liña dirixida a utilizar os fondos públicos para beneficiar ós Concellos gobernados polo Partido Popular. E insiste nas súas criticas o Goberno de Feijoo e denuncia que “utilizan os fondos públicos para, dun xeito absolutamente arbitrario, decidir qué galegos e galegas merecen contar có respaldo dun Goberno que tiña que mirar por eles, en vez de realizar un mal e partidario uso dos cartos públicos e contentarse con criticar ó Goberno de España”.
A portavoz socialista dixo que Feijoo utiliza os orzamentos públicos para castigar aós Concellos gobernados pro outras forzas políticas, e tentar facelo ás agochadas, sen dar a cara, e sen explicalo.
Neste punto Mar Barcon asegurou que este Goberno nin ten intención de “reequilibrar territorialmente”, nin de favorecer o desenrolo das “urbes” nin de facer prazas nin de garantir equipamentos. Di que Feijoo está xogando a favorecer a campaña electoral dos seus alcaldes utilizando a opacidade e a maior das arbitrariedades para poñer en marcha programas decididos a dedo, pactados con ninguén e cun único obxectivo: bloquear o desenvolvemento desa obras daqueles municipios que non están gobernados polo PP.
Na súa intervención a deputada reclamou do Goberno de Feijoo medidas e iniciativas fronte a crise. Explicou que “o tecido económico de Galicia precisa medidas para protexer ás empresas galegas, para que os máis de 233 mil galegos e galegas en paro poidan ter unha oportunidade de traballo e algo para que os veciños e veciñas poidan facer as obras e contar có respaldo do seu Goberno nas súas vilas máis aló do color político dos mesmos”, aseverou.
Por último replicou que o Goberno de Feijoo presentou un Plan Hurbe co único obxectivo de poñer un nome a obras que xa estaban en execución.








